O festival Cultura Quente énche de arte, exposicións na rúa, concertos de balde, acampada e moitas máis actividades o Concello de Caldas de Reis durante máis de dúas semanas, do 1 ao 18 de xullo deste ano. É unha manifestación singular de expresión e compromiso, impulsada polo Concello de Caldas de Reis para implicar a todos os sectores sociais nun proxecto de desenvolvemento local.

O festival converteuse, tras xa as súas 12+1 edicións, nun particular símbolo de identificación de Caldas ao exterior, recuperando o espírito acolledor e dinámico das vilas termais tradicionais como espazos modernos de cultura, lecer e encontro.

Un dos principais activos de Cultura Quente é o feito de tratarse dunha proposta innovadora, sen precedentes na contorna inmediata do municipio e en conxunto en Galicia. Por outra banda a interdisciplinaridade da proposta, con espazo para todo tipo de manifestacións estéticas, técnicas e artísticas, abre unha porta que non existía ata o momento.

A maioría dos participantes de todos os ámbitos da programación valoraron especialmente a idea do contorno e intercambio. Este aspecto, unido á disposición e potenciación de espazos para a cultura que se definía anteriormente, converten a Caldas de Reis nun lugar perfecto para o debate, a investigación, a mocidade e a creación cultural.